top of page

 


 

ÚLTIMOS RESULTADOS
Le as nosas crónicas no blog AS CRÓNICAS DO DÍA DESPOIS

NOVAS

As novas do Verín CF actualízanse de xeito máis inmediato na nosa páxina de FACEBOOK, onde, ademáis, podes comentar toda a actualidade do clube e interactuar con outros siareiros virtuais!

Séguenos en Facebook

Victoria 0-1 en Marcón

16 de noviembre

Victoria 0-1!!! O Verín CF, nunha excelente segunda parte na que chegou con claridade á porta local, conseguiu finalmente, por mediación de David Soares, o gol que lle da o triunfo e os tres puntos.

Iago Beceiro ficha polo Verín CF

11 de novembro

Extraordinaria nova para tódolos nosos siareiros: Iago Beceiro xogará ata fin de temporada no Verín CF!

Iago Beceiro, de 21 anos, dianteiro, perla da canteira do Deportivo da Coruña que da man de Lotina chegou a debutar co primeiro equipo en Copa do Rei, e exxogador de clubes de Segunda División B coma a UD Somozas ou o Caudal Deportivo, porá o seu inmenso talento agora ó servicio do Verín CF.

Esta será a segunda aventura de Beceiro no Verín CF, tras participar no treito final da campaña 2012/13, deixando xa daquela mostras da súa impresionante calidade.

Benvido, Iago Beceiro! Xuntos imos facer algo grande!

O CD Estradense cae 2-0 no Arjiz

9 de novembro

Gran victoria ante un gran equipo coma o CD Estradense! Nunha moi boa segunda parte, os homes de Iván González fixéronse acreedores do triunfo. Fran Martínez tras perfecta combinación colectiva, e Luisito, de penalti, nas postrimerías do encontro, firmaron os dous tantos, que dan ó Verín CF tres puntos máis.

O Gondomar CF rescata un punto no desconto (1-1)

2 de novembro

Se o Verín CF gañou tres puntos no desconto na pasada xornada, hoxe perdeu dous: o Gondomar CF in extremis foi quen de neutralizar o gol de Luisito. Partido frouxiño e resultado xusto, vistos os méritos dun e doutro equipo.
A boa nova: un partido máis invicto, e van nove.

Triunfo no desconto en Lalín.

26 de outubro

Gran victoria en Lalín! O Verín CF marcou no último minuto por mediación de David Soares para levar os tres puntos do Manuel Anxo Cortizo. 0-1 resultado final nun gran, gran partido dos verinenses, que rompen o maleficio histórico de Lalín e amosan a súa candidatura para o ascenso.

Jorge salva un punto ante a UD Atios

19 de outubro

Reparto de puntos tras un partido tosco pero moi emocionante. O partido, moi condicionado polo mal estado do terreo de xogo, comezou moi ben para os verinenses, cun tempraneiro gol de Quini Cotarelo de cabeza, a centro de Pablo García (minuto 2), ó que respondeu rápido a UD Atios para restaurar o empate (minuto 9).

A partir de aí, moito xogo directo por parte dos dous equipos. No segundo tempo houbo máis ocasións, e puido o Verín CF adiantarse, por mediación de Fran e Luisito, pero foi a UD Atios quen se atopou coa mellor oportunidade para desfacer o 1-1, cunha pena máxima no minuto 88 que por sorte para os verinenses detivo fantástico Jorge.

En suma, un puntiño para seguir sumando, acadado ante un rival complicado, moi forte físicamente, que amosou o porqué da súa condición de invicto coma visitante, e ademáis nun campo que non estaba dende logo para moitas florituras.

O Verín CF tráese tres puntos de Porriño.

12 de outubro

Un enorme Verín CF gañou ó Porriño Industrial nun partido moi completo dos homes de Iván González. Unai, cun golazo, abriu a senda da victoria, e despois Luisito sentenciou nun contrataque. O Verín CF sube ata a sexta posición da táboa.

Victoria ante o Rápido Bahía 1-0.

8 de outubro

Tras unha gran primeira parte na que o Verín CF puido despachar o partido, as cousas acabaron complicándose ata o impensable. O gol de Fran Martínez no inicio do encontro foi suficiente, pese a que o Verín CF chegou a xogar o último cuarto de hora con nove xogadores por expulsión de Padín e Gabri. Ó final, tres puntos que permiten seguir a mirar cara arriba.

Primeiro triunfo en Liga.

28 de setembro

O Verín CF acadou a súa primeira victoria en Liga no campo do CP Alerta Navia (1-3). O triunfo cimentouse na segunda parte, na que os verinenses marcaron en boas xogadas de contrataque por mediación de Luisito (dous) e Fran Martínez.

Verín CF e CD Barco reparten puntos.

23 de setembro

Verín CF e CD Barco empataron 1-1 nun partido algo deslucido, no que os de Valdeorras aguantaron ben o resultado tras quedar con dez xogadores case unha hora de xogo. Os goles chegaron os dous de penalti, na primeira parte.

Empate en Mondariz

14 de setembro

O Verín CF sacou un punto da súa visita a Mondariz. Os verinenses adiantáronse na primeira parte (gol de David Rodríguez), mais os locais igualaron na segunda. Puido caer a victoria do bando verinense, pois o Verín CF, moi ambicioso no último tramo do partido, puxo cerco á portería rival, mais finalmente, empate e reparto de puntos.

Primeiro punto en Liga: Verín CF 0 - Vilalonga 0.

7 de setembro

Táboas no marcador tras un gran partido do Verín CF, ó que só lle faltou máis acerto cara a portería contraria. Unai, Quini Cotarelo ou Fran dispuxeron de moi boas ocasións, mais o Vilalonga FC lévase finalmente un punto do Arjiz. O Verín CF, que xogou dende o minuto 85 en inferioridade numérica, saca o seu primeiro punto ante un rival difícil e segue a deixar unha boa imaxe que permite ser optimistas cara o futuro próximo.
 

Derrota en Portonovo (1-0).

31 de agosto

Caeu o Verín CF no Baltar. Os verinenses pagaron caro un inicio dubitativo cun gol tempraneiro que xa non lograron remontar, pese a xogar en superioridade numérica dende o minuto 30 da primeira parte. Os de Iván González mereceron o empate por ocasións e, ante un gran rival, o equipo mostrou detalles do potencial que atesoura.

A vindeira cita: o domingo que ven no Arjiz ante o Villalonga.

Novo carné de simpatizante.

26 de agosto

Estás fóra pero levas o Verín CF moi dentro? Non podes asistir ós partidos este ano pero gustaríache colaborar co clube?

Pois pensando en ti o Verín CF vén de sacar o CARNÉ SIMPATIZANTE 2014/15. Unha perfecta oportunidade para presumir de valores, apoiando ó clube da túa terra. Co novo CARNÉ SIMPATIZANTE 2014/15 pasarás a formar parte activa da familia do Verín CF, e disfrutarás de ventaxas exclusivas:

 

-Asistencia a tres partidos (de Liga ou de Copa) no José Arjiz nesta temporada 2014/15 -excepto partido Día do Clube-.
-Descontos nos establecementos adheridos ó OFERCLUBVERÍN.
-Descontos dun 10% no productos de merchandising do Verín CF.
-Prezo reducido na inscrición do Campus 2015 do Verín CF.

O prezo do CARNÉ SIMPATIZANTE é de 20 EUROS. Pídeo mediante mensaxe privada ou no teléfono 640503546!

Rubén Quiroga, derradeira fichaxe.

26 de agosto

Apenas a uns días do comezo do campionato, o Verín CF vén de incorporar a Rubén Quiroga, "Quiroguita". Este futbolista, de 30 anos, nacido en Monforte de Lemos, xoga coma centrocampista e posúe unha ampla experiencia na Preferente: na pasada temporada militou no Club Lemos e no CD Lalín, e os tres cursos anteriores no CD Barco, onde coincidiu co que voltará ser o seu adestrador, Iván González.

Quiroguita é un xogador de gran calidade, rápido e habilidoso, que se desenvolve ben por toda a liña de tres cuartos, tanto na media punta coma nas bandas. Un reforzo de luxo co que se dá por pechado o actual plantel verinense.

Verín CF e Monterrei CF xogan por Valeria.

26 de xullo

O venres 15 de agosto, ás 18:30 horas, Verín CF e Monterrei CF xogarán no Arjiz un partido amizable co fin de axudar a Valeria, nena verinense de catro anos que padece unha enfermidade rara, e que está a recibir un tratamento de rehabilitación que, aínda que está a ter bos resultados, é moi custoso.

Por iso todos temos a oportunidade de sumar forzas, e facer oco nas nosas axendas para acudir a este partido benéfico. As entradas terán un prezo de 5 euros, e a recadación do encontro irá destinada exclusivamente ó tratamento da pequena Valeria.

Saúl Castro, derradeira incorporación.

18 de xullo

Saúl Castro (Laza, 14/7/1995), outra das últimas perlas da canteira verinense, xogará no Verín CF a vindeira temporada, tralo seu paso polo equipo xuvenil da UDC Barbadás. Saúl, que cumpriu 19 anos o pasado luns, xa debutara con só 17 anos no Verín CF sénior na temporada 2012/13, dando mostras da súa gran proxección. Zurdo, técnico, forte físicamente, o futbolista de Laza é un carrileiro de gran recorrido que sen dúbida pode ser unha das sensacións deste Verín CF 2014/15..

Vicente volve a casa.

14 de xullo

Vicente de Dios (24/4/1994) volverá defender a camisola do Verín CF tralo seu paso polo Club Lemos, da Preferente Norte, a pasada temporada, onde xogou con regularidade ás ordes de Tonino.

Vicente, central que pode facer as veces de lateral, de gran rigor táctico e sentido da colocación, é un xogador da canteira verinense, que xa participou en varios partidos co primeiro equipo na temporada 2012/13, causando xa daquela gran impresión pola súa madurez. a pesares da súa xuventude.

.

Iago Fernández, sexta incorporación.

11 de xullo


Iago Fernández (Barco de Valdeorras, 31/12/1991) é a sexta incorporación do Verín CF para a temporada 2014/15. Trátase dun lateral dereito, procedente do CD Ourense B, moi novo (22 anos), mais de gran proxección: proba diso está en que Luisito subiuno ó primeiro equipo para disputar dous encontros na 2ª División B.

Ten sobrada experiencia na Preferente, tras xogar o pasado curso no filial ourensanista, e os dous anteriores no CD Barco. Unha gran fichaxe, pois, para apuntalar unha zaga para a que aínda se agardan máis chegadas.

O Real Club Celta de Vigo Indoor, campión do Memorial Carlos Pérez Álvarez.

7 de xullo

O Real Club Celta de Vigo Indoor proclamouse campión do Memorial Carlos Pérez Álvarez, tras vencer ó combinado de veteráns e xogadores actuais do Verín CF na tanda de penaltis, tras chegarse con 1-1 á fin do tempo regulamentario.

O resultado, obviamente, foi o de menos. A de onte foi unha fermosa tarde na que lembramos a figura deste paisano noso. Nos prolegómenos do encontro, cos dous equipos formando no campo, a viuva e o fillo maior de Carlos recibiron sendos agasallos de parte do Concello de Verín, do Concello de O Porriño, da Asociación de Veteranos del Real Club Celta de Vigo e do Verín CF. Despois, dous integrantes da Banda de Gaitas de Verín tocaron unha fermosa peza, e finalmente, Guillermo, o fillo de Carlos, fixo o saque de honra do partido.

Gracias o Real Club Celta de Vigo por aceptar a nosa invitación, á familia de Carlos polas súas mostras de cariño cara o Verín CF, ó Concello de Verín pola súa colaboración, e moi especialmente a tódalas persoas que co seu traballo desinteresado fixeron posible este Memorial.

Asamblea de socios e charla-coloquio "Homes e mulleres de negro: a arbitraxe dende o outro lado".

30 de xuño

O xoves 3 de xullo celebrarase, na Casa da Cultura, a ASAMBLEA ANUAL DE SOCIOS DO VERÍN CF (19:00 horas en primeira convocatoria, 19:30 horas en segunda convocatoria).

A continuación, ás 20:30 horas, terá lugar a charla-coloquio "HOMES E MULLERES DE NEGRO: A ARBITRAXE DENDE O OUTRO LADO", na que representantes do estamento arbitral ourensán e verinense falarán do mundo da arbitraxe no fútbol actual.

Concretamente, estarán connosco AITOR CID PUGA, colexiado de 2ª División, ZULEMA GONZÁLEZ, unha das árbitros da Preferente Galega, nomeada mellor muller árbitro de Galicia, e árbitro nacional de fútbol-praia, e os xóvenes colexiados de Verín JUAN RAMÓN DAPIA e IAGO LOMBAO. O Delegado do Colexio de Árbitros en Ourense, JOSÉ ANTONIO PRESAS, conducirá a charla-coloquio, á que todos os interesados no tema están cordialmente invitados..

Memorial CARLOS PÉREZ

29 de xuño

O sábado 5 de xullo, ás 19:30 horas, terá lugar no Arjiz o MEMORIAL CARLOS PÉREZ ÁLVAREZ, unha homenaxe a este futbolista profesional nacido en Verín en 1971. Carlos Pérez (coñecido coma Carlos Álvarez en Portugal), xogou no Real Clube Celta de Vigo, UD Almería, GD Chaves, Vitória de Guimaraes SD, CD Nacional de Madeira e CD Ourense, antes de retirarse do mundo do fútbol e falecer tráxicamente o 5 de xullo de 2006, á idade de 34 anos.

Neste mesmo día e mes, o 5 de xullo de 2014, o Verín CF quere renderlle homenaxe no estadio José Arjiz a este verinense, cun partido contra o Real Clube Celta Indoor, campión da Liga Fertiberia de Fútbol Indoor 2013, no que militan veteranos do conxunto vigués, e ó que se sumarán outras insignes figuras do celtismo.

Éxito do Campus 2014 do Verín CF

28 de xuño

Cunha gala de clausura, o sábado 28 pechamos un fermoso capítulo da historia do Verín CF: a celebración do seu primeiro Campus para nenos, unha idea que estivemos a perseguir durante moito tempo, ata que, ó fin, se fixo realidade. Gracias ós pais que confiaron en nós, ós nenos por vivir a tope a experiencia, ós monitores de Spazo Sport polo seu fenomenal desempeño, ós establecementos e institucións colaboradoras, e ós futbolistas que nos acompañaron.

En 2015, máis e mellor!.

David Soares, David Álvarez, Tazos, Gabriel e Viti, novas fichaxes.

21 de xuño

David Soares (30 anos, dianteiro, procedente do CD Lalín), David Rodríguez (27 anos, centrocampista, procedente do CD Barco), Borja Lorenzo "Tazos" (24 anos, defensa, procedente do C Lemos), Gabri (22 anos, centrocampista, procedente do CD Ourense B) e Viti (19 anos, dianteiro, procedente do CD Ourense B) son as novas fichaxes para a vindeira temporada.

Todos eles xogaron na Preferente Autonómica a temporada 2013/14 e constitúen uns reforzos de luxo para afrontar con garantías o novo curso.

Moi benvidos ó Verín CF!

Xurxo, Diego Soto, Eloy, Cote e Capelas, baixas para o Verín CF 2014/15.

17 de xuño

Xurxo, Diego Soto, Eloy, Cote e Capelas decidiron non continuar no proxecto do Verín CF de Preferente Autonómica. O clube quere agradecerlles os cinco a súa profesionalidade e deséxalles a mellor das sortes no seu futuro próximo.

Subcampións de Copa

15 de xuño

O Verín CF caeu nos penaltis ante o CD Ourense B tras persisitir o 0-0 inicial en partido e prórroga. O Verín CF culmina co subcampionato de Copa unha gran temporada.

Á final do Couto... con Socitransa.

10 de xuño

A final da Copa Deputación (sábado 14 de xuño, 18:30 horas) vai pechar unha gran temporada. Traerán os homes de Iván González a cuarta Copa do Verín CF? Averíguao en vivo e en directo no Couto gracias a SOCITRANSA e Autoescola VERÍN, que levarán sen custe ós siareiros verinenses que queiran desprazarse a Ourense (prezo da entrada + camiseta conmemorativa 10 euros).

Inscribe ó teu neno no Campus 2014 do Verín CF.

9 de xuño

Se o teu rapaz (ou rapaza) ten entre 6 e 16 anos, a última semana de xuño pode disfrutar dunha experiencia única de aprendizaxe e diversión. Preme no botón "máis info" para saber máis.

Na final de Copa!

2 de xuño

O Verín CF clasificouse para a final da Copa Deputación, tras vencer ó CD Arenteiro 2-1. Nunha espléndida segunda parte, os goles de Fran Martínez e Pablo García fixeron xustiza ós méritos duns e outros; os carballiñeses recurtaron de penalti nos últimos minutos, máis non foron quen de evitar realmente o triunfo verinense. O Verín CF despedirá pois a temporada 2013/14 xogando a finalísima da Copa Deputación contra o CD Ourense B.

Táboas co CD Arenteiro na ida das semifinais de Copa.

26 de maio

Puido o Verín CF tirar vantaxe neste partido de ida, tras unha gran segunda parte con claras ocasións, mais finalmente o marcador non se moveu. Queda todo por decidir para a volta no Arjiz.

O Verín CF xa é de Preferente!

18 de maio

O Verín CF acadou o ansiado ascenso e volve á Preferente pola porta grande, nun Arjiz abarrotado de público, e cun contundente 5-0 sobre a AD Covadonga. Os goles foron obra de Luisito, Quini, Unai e Fran por partida doble.

Un empate agónico con sabor a ascenso.

12 de abril

O Verín CF superou unha dificilísima proba no campo da Tella. Nun partido con moitos nervios e con pouco xogo, a SD Nogueira de Ramuín conseguiu adiantarse nos minutos finais da primeira parte tras unha xogada embarullada na área. E xa cando o partido morría, e con el gran parte das aspiracións do Verín CF, un penalti transformado por Luisito puxo o definitivo 1-1 no marcador. Co empate do CD Arenteiro en Albarellos, os verinenses seguen en postos de ascenso a falta dunha derradeira e definitiva xornada.

O Verín CF golea 5-0 ó Polígono.

4 de maio

Gran partido e gran espectáculo hoxe no Arjiz, dentro e fóra do campo, cunha entrada fantástica que rondou os 600 espectadores. Luisito abriu o marcador na primeira parte, cun gol de falta, e nun segundo período no que o Verín CF arrollou ó Polígono, Pablo García, Unai por partida doble e Quini Cotarelo puxeron o definitivo 5-0 no marcador. O Verín CF segue en postos de ascenso directo.

O Verín CF, brillante semifinalista na Copa.

1 de maio

O Verín CF clasificouse pola porta grande a semifinais de Copa, tras volver gañar á SD Melias 3-0, esta vez no Arjiz, con dous goles de Fran Martínez e un de Unai, de penalti. O Verín CF, netamente superior tanto na ida coma na volta, pasa pois de xeito brillante a seguinte rolda.

Victoria con sabor a ascenso en Barbadás (1-3)

27 de abril

Pablo García, Quini Cotarelo e Xurxo firmaron os goles da victoria 1-3 ante o Barbadás B, que permite ó Verín CF auparse a postos de ascenso e depender de si mesmo neste último treito final de liga.

Xa está en marcha o Campus 2014 do Verín Club de Fútbol

23 de abril

Xa estamos a preparar a edición 2014 do Campus do Verín CF. Dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 16 anos, este ano o Campus será en horario de mañá (de 9 a 14 horas), de luns a sábado. O mellor, o prezo: 49 euros para fillos de socios e membros das EDC, e 59 para o resto. Vai facendo espacio na túa axenda!

Encarrilada a eliminatoria de Copa (SD Melias 0 - Verín CF 3)

17 de abril

O Verín CF deixou franca a eliminatoria de cuartos de final da Copa Deputación cun contundente 0-3 no campo da Abelleira. Eloy (dous tantos) e Cote foron os goleadores. A volta disputarase no Arjiz o 1 de maio.

O Verín CF apreta coa súa quinta victoria consecutiva (3-0).

13 de abril

O Verín CF apreta. O líder xa está a só dous puntos, trala derrota do CD Arenteiro ante a SD Nogueira e a victoria no Arjiz do Verín CF ante o At. Barbantes. Luisito (dous tantos) e Quini foron os goleadores na tarde de onte, na que se fixo unha merecida homenaxe a José Manuel Ferreira, campión nacional de wu-shu.

Luisito desatasca en Velle un partido que pode valer un ascenso (0-1).

6 de abril

Sufridísima victoria en Velle! Luisito, a escasos minutos do final e cun golazo de falta directa, deu un importantísimo triunfo ó Verín CF, nun partido moi disputado fronte a un gran equipo que puxo as cousas moi difíciles.

Un Verín CF insaciable endosa outra goleada ó Sporting Celanova (7-0).

30 de marzo

O Verín CF foi novamente un ciclón no Arjiz: sete goles endosou a un Sporting Celanova que xogou en inferioridade numérica dende o minuto 35 da primeira parte. Fran (dous), Luisito de penalti, Quini (dous), Diego Soto e Pablo Roca foron os autores dos tantos.

O Verín CF desata a súa artillería ante o Boado FC (8-0).

23 de marzo

O Verín CF conxugou bo xogo e eficacia ante un Boado FC que nada puido facer contra a superioridade verinense. Luisito, David Ginzo, Pablo García, Hugo (dous tantos) e Quini (tres, un deles de penalti) marcaron os goles locais.

Victoria sobre a bocina en Oira.

16 de marzo

Épica victoria do Verín CF en Oira. Os verinenses xogaron un dos seus mellores partidos da temporada, e someteron ós pontinos a un continuo acoso e derribo, un monólogo de xogo que se traduciu en ocasións de tódolas cores, mais sen chegar a perforar a rede rival. Mais finalmente, no minuto 90, o fútbol quixo facer xustiza, e foi Xurxo quen marcou in extremis o tanto da victoria, victoria que supón unha enorme inxección de ánimo e mantén ós verinenses na senda do ascenso.

O CD Arenteiro vence 0-1 no Arjiz.

10 de marzo

O CD Arenteiro amosou o porqué do seu liderato e gañou o trascendental duelo do Arjiz. O partido foi intenso e igualado, pero unha xenialidade de Marcos Sotelo desequiibrou  marcador.

Rómpese a maldición de Entroido en Ramirás (0-3)

2 de marzo

No partido o seu día aprazado de Ramirás, o Verín CF rompeu a pequena 'maldición' que lle impediu durante 18 anos poder gañar o partido do Sábado de Entroido. Xurxo, Luisito e Fran foron os autores dos tres goles. Con esta victoria, os verinenses recuperan o impulso na táboa.

Castigo no Outeiro do Miogo

24 de marzo

Caeu 3-2 no Outeiro do Miogo o Verín CF, nun partido no que puxo o fútbol, e os locais o pragmatismo. Ós verinenses só lles queda o consuelo de ter gañado o goalaverage en caso de empate final cos de Taboadela.

Goles son amores: Verín CF 4 - At. Vilariño 0.

Text.

O Verín CF repetiu o resultado da primeira volta e venceu cómodamente por 4-0. Un gol en propia porta dos visitantes, ós poucos minutos do inicio, abriu a porta ó triunfo, que acabou rubricando Luisito, con dous tantos, e Fran Martínez.

Please reload

bottom of page